O Balneario de Berán está situado na localidade de Berán, no concello de Leiro, en pleno corazón do Ribeiro. Trátase dun pequeno establecemento termal que aproveita un manancial de augas mineromedicinais recoñecido polas súas propiedades terapéuticas e que forma parte da rede de recursos biosaludables do destino.
As súas augas emerxen a unha temperatura aproximada de 28 ºC e están especialmente indicadas para o tratamento de afeccións respiratorias, hepáticas, dixestivas e dermatolóxicas, sendo especialmente valoradas para o tratamento da psoríase.
As instalacións inclúen unha piscina termal exterior, sete bañeiras individuais, vestiarios, duchas e unha fonte de auga mineromedicinal. O seu ambiente tranquilo e o seu reducido tamaño ofrecen unha experiencia de relaxación nunha contorna rural, ideal para quen busca gozar dos beneficios do termalismo en contacto coa natureza.











