Pequena capela de cachotaría de pequenas dimensións e unha única nave de planta rectangular un tanto irregular.
Conta con espadana e cunha fermosa lousa de orixe castrexa na súa fachada que mostra un xinete a cabalo entre unha reata destes animais. Esta pedra foi achada cando se volteou a mesa que facía as funcións de altar ó realizar unhas obras de remodelación en 1988. O mencionado xinete constitúe actualmente a identidade corporativa do Concello de Amoeiro.
A poucos metros da súa porta de acceso pode apreciarse un enterramento antropomorfo nunha rocha, probablemente do S. X, o que nos pode aproximar á datación desta pequena capela.
Entre o seu mobiliario destacan: un retablo en madeira de estilo rococó, dúas esculturas en madeira da Virxe do Leite –unha de estilo gótico e outra do S. XVI- e unha escultura en madeira de San Sebastián.