Igrexa románica de San Mamede de Moldes elevase sobre a cima dun antigo castro. De estilo románico, data de finais do século XII e comezos do XIII. O visitante no seu interior poderá gozar dunha profunda paz interior e tranquilidade. Unha cruz latina de cor vermello no interior da igrexa fai que se vincule a súa construción coa Orde do Temple.
Consta dunha nave rectangular alongada cuberta con bóveda de cañón. A decoración concéntrase na fachada principal e nos aleiros da nave e a ábside. Na fachada principal ábrese unha decorada porta pola que se accede ao interior da Igrexa.
Adosada ao muro sur da igrexa aparece unha capela cuxa estrutura exterior indica que a súa construción foi posterior, como se pode comprobar no mesmo interior. Na mesma repousan os restos do escritor e pensador galego Antón Losada Diéguez oriúndo de Moldes. Precisamente neste templo é onde se celebra cada ano, no mes de xuño, unha misa no recordo de dito escritor coincidindo coa entrega dos premios literarios Losada Diéguez.
No entorno tamén se localiza un cruceiro. Na cruz de remate aparece un Cristo crucificado e unha virxe. Na parte inferior do fuste aparece a figura dun peregrino ou santo.