CASTRO DE CAMEIXA

Asentamento fortificado da Idade do Ferro cunha ocupación continuada dende os séculos VI a. C. ata o I d. C. (época romana). Trátase dun castro de referencia obrigada na bibliografía especializada debido aos estudos nel realizados e aportar datacións absolutas de C14. Cameixa presenta un recinto principal superior de forma ovalada que mide uns 90 m. de norte a sur e uns 130 m. de este a oeste e circunscrito por un terraplén pronunciado que nalgúns puntos pode acadar os 20 m. de alto. Polo sur e polo suroeste deste recinto principal aparece un antecastro duns 25 m. de ancho máximo previsto dun terraplén duns 15 m. de alto. Diante deste antecastro, polo oeste, hai outro terraplén en dirección norte, a xeito de posible entrada a este recinto .

Foi escavado entre os anos 1944 e 1946 por F. López Cuevillas e X. Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla (lenzo exterior e interior) xunto con dúas construccións circulares e unha cuadrangular. Descubríronse restos das construccións máis antigas xa que apareceron algúns anacos de barro misturado con palla e material cerámico pertencentes a distintos cacharros desa época. Polo que respecta ás construccións circulares, indicar que á de tamaño máis grande se superpuxo outra construcción cadrangular o que se interpreta como unha reocupación do castro en momentos posteriores, probablemente na derradeira fase da época castrexa e romana.

Apareceron fragmentos de varios recipientes cerámicos (xarras, cuncas, pratos…) xunto con morteiros,muíños de man para moer (apareceron landras e legumes carbonizadas) e outros obxetos metálicos como fíbulas (broches), restos de fouces, cravos… indispensables na vida cotiá das persoas que poboaron este asentamento.

Fotos

O Xeodestino

Terras de auga, de viño, de pedra…de arte. As terras do Avia, dende o Ribeiro ata as montañas, esas que dan vida aos ríos Avia e Arenteiro son terras que configuraron a historia de unha cultura marcada por aqueles elementos.

Aviso Legal
Conéctate